O pasado 18 de maio cumpriuse o 1º Centenario da
constitución das Irmandades da Fala na Coruña. Sabido é que esta institución
levou a cabo un inxente labor a prol da nosa lingua, sendo un dos principais
obxectivos impulsar a actividade editorial, coa creación de editoriais,
revistas e xornais, como canle óptima para espallar un idioma. Recollendo pois
este testemuño deixado cen anos atrás, os alumnos e alumnas de 4º ESO PDC
quixeron honrar a dita efeméride e continuar con esa tarefa vitalizadora da
lingua e, asemade, para festexar esta data.
Para iso, o dito alumnado, coordinado pola súa profesora de
Ámbito lingüístico e social Teresa Pastor Novo, presentou na biblioteca do IES
de Carral a revista DEVANCAR, onde se
recompilan os seus traballos de pintura e poesía,focalizados na unidade didáctica “As vangardas europeas e a súa repercusión en
Galicia”, obxecto de estudo no 2º trimestre deste curso.
O dito acto contou cunha nutrida presenza: ademais dos
autores da mesma, xunto coa súa profesora, estiveron os inspectores de
Educación Juan Carlos Varela e Elisardo Varela, a directora Fátima Castro e a
concelleira de Educación do concello de Carral Florinda Duarte. Tamén estiveron
as familias do alumnado autor da revista, alumnado de 1º e 3º ESO,un alumno de 2º ESO A, David García Mallón,
que foi o encargado de deseñar a portada da revista DEVANCAR e varios profesores e profesoras do centro. A directora do
IES inaugurou o acto e a continuación deulle a palabra a coordinadora deste
traballo, a profesora Teresa Pastor Novo, quen explicou o proxecto
desenvolvido. Trala lectura dos seus poemas por parte do alumnado, interviron
os inspectores de Educación antes nomeados e a concelleira de Educación para
eloxiar o traballo feito. Como broche final, varios alumnos e alumnas
interpretaron o himno do Antergo Reino de Galicia con gaitas e percusión,
coordinados pola profesora de Música Mª José Miranda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario