luns, 30 de maio de 2016

Carral... temos unha exposición

Un grupo de profesores do IES de Carral e do CEIP Vicente Otero elaboramos un Proxecto de Traballo para as aulas que tiña como finalidade que o alumnado crease, presentase e visitase unha exposición. Este é o resultado.


venres, 27 de maio de 2016

PRESENTACIÓN DA REVISTA DEVANCAR



O pasado 18 de maio cumpriuse o 1º Centenario da constitución das Irmandades da Fala na Coruña. Sabido é que esta institución levou a cabo un inxente labor a prol da nosa lingua, sendo un dos principais obxectivos impulsar a actividade editorial, coa creación de editoriais, revistas e xornais, como canle óptima para espallar un idioma. Recollendo pois este testemuño deixado cen anos atrás, os alumnos e alumnas de 4º ESO PDC quixeron honrar a dita efeméride e continuar con esa tarefa vitalizadora da lingua e, asemade, para festexar esta data.

Para iso, o dito alumnado, coordinado pola súa profesora de Ámbito lingüístico e social Teresa Pastor Novo, presentou na biblioteca do IES de Carral a revista DEVANCAR, onde se recompilan os seus traballos de pintura e poesía,  focalizados na unidade didáctica “As vangardas europeas e a súa repercusión en Galicia”, obxecto de estudo no 2º trimestre deste curso.


O dito acto contou cunha nutrida presenza: ademais dos autores da mesma, xunto coa súa profesora, estiveron os inspectores de Educación Juan Carlos Varela e Elisardo Varela, a directora Fátima Castro e a concelleira de Educación do concello de Carral Florinda Duarte. Tamén estiveron as familias do alumnado autor da revista, alumnado de 1º e 3º ESO,  un alumno de 2º ESO A, David García Mallón, que foi o encargado de deseñar a portada da revista DEVANCAR e varios profesores e profesoras do centro. A directora do IES inaugurou o acto e a continuación deulle a palabra a coordinadora deste traballo, a profesora Teresa Pastor Novo, quen explicou o proxecto desenvolvido. Trala lectura dos seus poemas por parte do alumnado, interviron os inspectores de Educación antes nomeados e a concelleira de Educación para eloxiar o traballo feito. Como broche final, varios alumnos e alumnas interpretaron o himno do Antergo Reino de Galicia con gaitas e percusión, coordinados pola profesora de Música Mª José Miranda.